domingo, 17 de maio de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020.




En tempos de pandemia e confinados nos nosos fogares, non podemos deixar de celebrar a primavera das letras. Este ano dedicámoslle o día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, crítico literario, filólogo, historiador da literatura galega, lingüista, novelista e o primeiro catedrático da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Compostela. Cultivou todos os xéneros literarios con brillantez. No entanto, foi a poesía o xénero co que se iniciou na literatura e que practicou ao longo de toda a súa vida. Considerouse a si mesmo como escritor e ante todo poeta.


Unha das frases célebres de Carvalho Calero di así:

“Eu desexaría unhas
primaveras nas que
florescese sen receios
a unidade e variedade
do noso idioma e da nosa
cultura”.

Ogallá o seu desexo se cumpra!!! Por iso, este 17 de maio imos ler a carta aberta a Ricardo Carvalho Calero de María do Pilar García Negro que di:  Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua.

 

xoves, 23 de abril de 2020

DÍA DO LIBRO 2020





Benvidos ó noso blog da biblioteca para celebrar  un DÍA DO LIBRO 2020 moi especial, porque non estamos preto fisicamente uns dos outros, e con  todo, sentimos que a través dos libros podemos viaxar xuntos, soñar xuntos e voar lonxe das nosas casas.

 Se alguén sabe o que é estar confinada, esa é a nosa alumna de 4º ESO, NOEMÍ PIÑEIRO SILVA. Enviounos  esta fermosa montaxe e non nos queda outra que publicala e compartila con todos vós, porque se ela pode quedar na casa, nós tamén podemos. E que mellor compañía que todos eses libros que seguro levan agardando tanto tempo a que lles botedes unha ollada e vos mergullades nas súas apaixoantes páxinas. 

Grazas Noemí, por ler tanto e soñar tanto. Botámoste de menos.
É a vós, tamén vos botamos de menos. Xa queda pouco. Mentres tanto, quedade na casa. Dende o equipo da biblioteca de IES A GUÍA, desexamos que tanto vós coma as vosas familias esteades ben.  




(Vídeo cedido polo Departamento de Lingua Castelá. )